Monday 29 de April de 2024

Inés Rey destaca a aposta do goberno municipal por consolidar A Coruña como cidade de referencia do sector audiovisual galego


O recinto ferial Expocoruña acollerá a celebración da XX edición dos Premios Mestre Mateo

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, presentaron hoxe as actividades que, durante o próximo ano 2022, se celebrarán na cidade en virtude da colaboración entre o Concello e a Academia Galega do Audiovisual, reafirmando así o compromiso do Goberno municipal para situar A Coruña como cidade de referencia para o sector audiovisual galego.

A alcaldesa, Inés Rey subliñou o papel estratéxico que o sector audiovisual ten non só no
ámbito cultural galego, en xeral, senón no da Coruña, en particular, provincia que alberga ao 50% das empresas galegas do sector.

A folla de ruta marcada polas dúas institucións de cara ao 2022 integra catro actividades, entre as que destaca a organización da gala dos Premios Mestre Mateo, que no seu vixésimo aniversario e coa volta do evento ao formato presencial, chegará á cidade o día 19 de marzo cun novo lugar de celebración: o recinto ferial Expocoruña.

Tamén en marzo, e co Teatro Colón como sede principal, celebrarase a III Semana do Cinema Galego, que verá duplicada a súa programación e, ademais, consolídase como o único certame con contidos audiovisuais exclusivamente en galego.

Neste sentido, a alcaldesa destacou que “a intención do Goberno local é que a Semana do Cinema Galego se poida converter, ano tras ano, nun punto de encontro profesional para o sector e nun referente que traspase as fronteiras locais e autonómicas, e se converta nunha cita nacional”.

A maiores, A Coruña acollerá a undécima edición do Premio José Sellier, un recoñecemento a iniciativas relevantes para o sector audiovisual autonómico. O galardón leva o nome de José Sellier Loup, un pioneiro que, en maio do ano 1897, filmou con cámara Lumière as pezas Orzán, oleaxe; Praza de Mina; e Fábrica de Gas, consideradas as primeiras películas que foron rodadas en España e que o ano que vén cumpren 125 anos.

Xa para rematar o ano, o Concello da Coruña e a Academia Galega do Audiovisual organizarán unhas xornadas que atraerán á cidade a profesionais de todo o país.